Gostades dos pementos? Porque hoxe presentámosvos unha receita para que probedes a facer con eles. Unha outra forma de integrar carne e verdura; cómpre insistirmos na relevancia deste tipo de pratos, sobre todo para @s máis pequenos xa que favorecen unha alimentación sá en que teñan cabida as verduras, produtos dos que non adoitan gustar tanto como deberían. Ademais o leite e o queixo fan destes pementos recheos un prato moi completo.
Como comprobaredes carne e verdura combinan á perfección logrando un sabor exquisito!
Pementos recheos
Ingredientes:
Para os pementos:
- 8 pementos do piquillo enteiros
- 100 gr de carne picada
- 1 cebola
- 1/2 pemento vermello
- 1/2 pemento verde
- 2 dentes de allo
- 2 culleradas de aceite de oliva
- 2 culleradas de fariña
- 400 ml de leite
- Queixo relado
- Pementa moída
- Ourego
- Sal
Para a salsa:
- 1 cebola
- 2 cenorias
- 1 tomate
- 2 culleradas de aceite
- 1/2 vaso de viño branco
Elaboración:
Para a elaboración do recheo dos pementos temos de rustrir a cebola e os pementos nas dúas culleradas de aceite.
Cando a carne estea dourada, temos que botar a fariña e remexer para que non se note o sabor. Pouco a pouco imos engadindo o leite até formar unha masa consistente; non é necesario que estea tan dura coma se fixésemo croquetas. E refrixeramos durante 1 hora, aproximadamente.
Mentres deixamos repousar a carne podemos facer a salsa. Temos de rustrir a cebola e as cenorias nas dúas culleradas de aceite. Cando abranden un pouquiño engadimos o tomate troceado e o viño branco. Deixamos cociñar 10-15 minutos. Despois, podémola deixar así ou triturala, nós, neste caso, batémola e botámola nunha cunca apta para o microndas.
Chegou a hora de reencher os nosos pementos, para iso o máis sinxelo é coller na man o pemento e coa axuda dunha culler de café ir reenchendo. Colócamolos sobre a salsa e por riba botamos o queixo relado.
Enfornamos a 200º, co gratinador e ventilador, durante 10 min. E xa están preparados para comer!! Podédelos acompañar de patacas fritidas, como fixemos nós, ou de pan ou arroz. Xa tedes unha boa idea para levar á mesa nesta fin de semana. Havos de gustar, con seguridade! Desfrutade destes pementos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario