venres, 18 de xullo de 2014

Empanada de mazá

Aquí estamos cunha nova receita despois duns días de certa inactividade. E imos cunha receita moi galega e tamén moi recorrente xa que serve de entrante, sobremesa, merenda ou mesmo almorzo, vai un pouco no gusto de cada un/unha aínda que nós optamos normalmente por comer un pouquiño desta saborosa empanada despois do xantar ou da cea. Como vedes, é unha empanada ben diferente ás que coñecemos de bonito, carne, xamón e queixo... máis que nada porque esta é doce, perfecta para @s máis larpeir@s! Aí vos vai.


Empanada de mazá

Ingredientes:
  • Masa para empanada (aquí)
  • 2 mazás grandes
  • Azucre ao gusto
  • Canela ao gusto
  • 1 ovo batido



Elaboración: 

Para comezarmos, temos de estirar a masa e botarlle azucre por riba. 



De seguir, lavamos e pelamos as dúas mazás. Nós fixemos láminas coa axuda dun pelador de verduras para que quedara moi fina mais, de o preferirdes, podédelas cortar cun coitelo. Colocámolas sobre a masa e botamos máis azucre e canela. 



Tapamos o recheo con máis masa e selamos os bordos. Pintamos co ovo batido e botamos, de novo, azucre e canela. Enfornamos a 200º, calor arriba e abaixo co ventilador, durante uns 20-25 min, até que esté douradiña.  




Deixamos que arrefríe un pouco e lista para comer! Que aproveite! 


 Xa vedes, todo unha larpeirada galega. Unha das claves está no azucre que botamos por abaixo e por arriba, xa que ao se derreter fai moito máis apetitosa a masa. Talvez sexa este unha das versións máis clásicas das nosas empanadas doces xa que a maza ao forno está realmente boa, mais non vos poñades límites, podedes probar con pera ou outras froitas que deixen un bo sabor ao se coceren. Esta desde logo está para non deixar nadiña, toda unha delicia. Probade, probade ;-)


2 comentarios:

  1. Te ha quedado de relujo esta empanada es una delicia mi madre la hacia mucho cuando eramos pequeños , me encanta tanto fria como caliente yo tambien la publique hace años en el blog .
    Bicos mil y feliz finde wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Na miña casa é un éxito asegurado, non dura 5 minutos, hahaha!
      Unha aperta e moitos bicos!

      Eliminar