luns, 11 de agosto de 2014

Brazo de xitano de chocolate con nata e améndoas

Voltamos cunha nova sobremesa que estou segura que vos vai encantar, sobre todo ás persoas que gustan dos doces tradicionais. Hoxe imos cun clásico, o brazo de xitano, que nos ofrece mil variantes aínda que eu desta última vez fíxeno con chocolate xa que así o desexaban @s comensais. 
Con motivo desta preparación, procurei un pouco máis sobre a denominación xa que sempre me chamou moito a atención iso de "brazo de xitano". Pois procurando pola rede encontrei certa información segundo a que este nome ten orixe nun monxe berciano da época medieval. Este descubriu nun mosteiro exipcio esta saborosa sobremesa e levouna consigo á súa terra. Comezou a chamárselle brazo exipciano, mais foi evoluíndo popularmente até convertirse no actual brazo de xitano. A pesar de que non podemos confirmar esta interesante teoría, o certo é que esta denominación é española, aínda que acabou utilizándose tamén aquí, na Galiza. Unha das denominacións máis frecuentes en portugués é rocambole, principalmente no Brasil.
Sexa como for, o doce é unha verdadeira delicia que debedes probar.

Brazo de xitano de chocolate con nata e améndoas

Ingredientes:
  • 6 ovos
  • 170 gr de azucre
  • 50 gr de cacao en po
  • 400 ml de nata
  • 150 gr de améndoas
  • 100 gr de azucre glas
  • 50 gr de chocolate con leite
  • 3 culleradas de brandy

Elaboración:

Para comezarmos, temos que batir ao baño maría as xemas dos ovos con 150 gr de azucre durante 10 minutos, aproximadamente, para que aumente de tamaño. De seguir, engadimos o cacao tamizado, nós mesturamos cacao con azucre con cacao sen el, e reservamos. 



Á parte, montamos as claras de ovo a punto de neve e, pouco a pouco, agregámolas á mestura anterior. 



 Extendemos a mestura nunha bandexa de forno, cuberta con papel vexetal, e enfornamos 10-12 minutos a 180º, calor abaixo e ventilador. 


 Deixamos arrefríar uns minutos e colocamos o biscoito sobre papel vexetal cuberto con parte do azucre glas e, ademais, tapámolo por riba cun pano húmido, para que sexa máis sinxelo doblalo cando montemos o doce.







 Montamos a nata xunto cos 20 gr de azucre que sobraron antes e reservamos. 



De seguir, xa temos que montar o noso brazo! Colocamos o biscoito sobre o pano húmido e emborrachámolo co brandy. Botamos a nata e, sobre esta, unha parte das améndoas e un pouco de de chocolate raiado.





Moi despacio, imos enrolando o biscoito e colocámolo na fonte, coa unión cara a abaixo. Tamizamos o resto do azucre glas e colocamos máis améndoas e chocolate para a decoración. Refrixeramos 2 horas, como mínimo, e xa estaría preparado para comer! Que aproveite! 


Que vos parece? Como vedes é unha sobremesa máis sinxela de facer do que pode parece e fica moi moi ben para calquera celebración en que teñades uns/unhas cant@s convidad@s. Outras veces téñoo feito con amorodos e nata e crema pasteleira e tamén estaba boísimo. A clave está en procurar a combinación que máis vos guste a vós. Esta desde logo foi todo un éxito. Desfrutádeo lambisqueir@s! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario