martes, 7 de xullo de 2015

Bolboreteando con... Leandro Lamas


Canta felicidade sentimos cando nos toca presentarvos artigos como o de hoxe, en que damos a palabra a unha figura que alén de ser un referente artístico na Galiza, a admiramos moitísimo e adoramos inmensamente o seu traballo.
Até o de agora tivemos sempre connosco a xente máis vinculada ao mundo da literatura, evidenciándose tamén o noso perfil e os nosos intereses. Mais alén desta considerámonos apaixonados das demais disciplinas artísticas.
E no ámbito pictórico non temos dúbida co noso artista de referencia: Leandro Lamas. Descubrímolo estándomos na carreira, xa hai cinco ou seis anos, e desde aquela ficamos namorados de todas as súas obras. Para tod@s @s que nos coñezades xa sabedes que sempre que podemos vos recomendamos ollardes as súas creacións, así que hoxe cadra perfecto para o facermos publicamente.
Leandro Lamas naceu un 14 de xaneiro de 1973. O seu labor artístico non se reduce ao pictórico xa que tamén é actor e director de teatro, mostrándose como un autor polifacético e comprometido co noso país e a nosa cultura.
Non foi até 1998 cando realizou a súa primeira exposición, en Ferrol, para posteriormente ir presentado os seus traballos por diferentes puntos da Galiza mais tamén por Portugal e España.
Ademais de en moitísimos cadros, podemos encontrar os deseños de Leandro Lamas en murais, carteis, ilustracións literarias ou en complementos elaborados en pel por Cabuxa (www.cabuxa.com) que vos recomendamos encarecidamente. Nós xa levamos unha boa colección (diademas, marcapáxinas, axendas…)
Non chegan as palabras para louvarmos como merece a Leandro, cómpre simplemente achegármonos a calquera das súas pinturas para desfrutar de quen ten a capacidade de crear soños e fantasía colorista desde a propia realidade galega ollada e sempre a través da ledicia e o positivismo. Moitas das súas pezas pódense visualizar na rede (no seu blogue leandrolamas.blogspot.com ou na súa páxina de Facebook https://www.facebook.com/leandro.lamas.7?fref=ts De todas formas, recomendariavos, sempre que for posíbel, observalas en vivo e en directo, que son aínda mellores. Que mellor que gozarmos coa nosa arte!

  • Moitísimas grazas Leandro por nos agasallar co teu tempo para responder algunhas preguntas e para nos dares a coñecer algo máis da túa persoa alén das dotes artísticas de que tod@s podemos desfrutar. Os teus cadros teñen a capacidade de nos transportar ao alén, de nos facer voar como algunhas das figuras que neles aparecen, mais mantendo os pés na realidade que non falta. Cando cociñas pensas en facer desfrutar os teus comensais como o fas coas túas pinturas?
  •  Isso é o que me gostaria pero reconheço que nom som mui bom cozinheiro e vou a "asegurar" com aqueles pratos que mais ou menos, vam saindo.
  • A creatividade é parte fundamental da cociña, principalmente da moderna. Encontras vínculos directos coa pintura?
  •  Penso que todas as disciplinas creativas estam relacionadas... podem entrar pola boca, polas orelhas, pola vista... o caso é que entrem e, umha vez dentro, nos transmitam algo.
  • Así pois, ti consideras a gastronomía como unha disciplina artística ou máis ben como un camiño obrigado de satisfacer necesidades primarias?
  • Evidentemente, quando hai fame, a comida tem que satisfacer as necesidades primarias... pero ademais disto, que nom é pouco, hai verdadeir@s artistas que podem transmitir com os seus "experimentos" sensaçons que nom se podem transmitir através doutras artes.
  • Consideras pois a estética relevante no campo gastronómico ou unha simple frivolidade?
  • Tamem é importante, penso eu, nom descuidar nengum aspecto e ponher em valor todos estos detalhes. Da mesma maneira que numha obra teatral se deve mimar o trabalho actoral, a escenografia, a iluminaçom...
  • Na obra de Leandro Lamas reflíctese en diversos momentos unha tradición galega, a da festa e da celebración arredor da mesa. Encontramos protagonistas diversos cheos de felicidade após o que intuímos como un xantar do máis gozoso. Que peso cres que ten a gastronomía na cultura galega?
  •  Para comer sempre hai gente! É umha excusa maravilhosa para reunirse e ao redor dumha mesa com comida e vinho, todo flue... pimpampimpam e quando te das conta já estas cantando.
  • Matinaches algunha vez pintares arredor dun produto gastronómico? De ser así, cal sería o protagonista?
  • O polbo à feira.
  • Con que tipo de pratos se sente cómodo cociñando Leandro Lamas?
  • O que melhor me sae é a fabada e as lentelhas (nada do outro mundo pero...).
  • Como te definirías na cociña: tradicional ou innovador?
  • Soldado raso.
  • Gardas na memoria algún prato que te teña inspirado para ti creares?
  • Os ovos fritidos, parecem-me mui bonitos (e saborosos).
  • E que te teña levado a tempos da infancia co seu simple cheiro?
  • O cheiro das sardinhas assadas, cheiram a veram.
  • E xa por último, e pedíndoche desculpas por tanto te entreter, unha pregunta xa clásica para os nosos colaboradores e colaboradoras. De que prato ou menú botarías man para definir Galiza?
  • O cozido porque come-se amodo e é como um tetris... vas tragando e pezas e aló no fondo do estómago, vai encaixando todo perfectamente.


Verduras á prancha com guacamole 

Ingredientes:
Pimento vermelho, cabazinho, berenxena,tomates, espárragos trigueiros, porros, cogumelos, aguacate e alho.

Elaboração:

Pois vou picando todas as verdura, umhas ao lono e outras ao través (como vedes na foto) e logo passo-as pola prancha (especioas um pouco e um pouco sal gordo).





















Logo fago o guacamole (aguacate, cebola e alho) tamem se lhe pode botar tomate, machaco todo e listo!
E um prato mui sinxelo pero no veram... presta tanto!!!


Que sorte poder contarmos desde xa cunha outra xoia de Leandro, neste caso non pictórica mais para nós igual de valiosa pola súa dedicación e amabilidade. Ficamos contentísimos e orgullosos do resultado e agora só agardamos que vós tamén valoredes esta última entrada. E non habería cousa mellor que darmos a coñecer a este artista para quen aínda non o coñeza. De seguro que as súas obras vos sacarán máis dun sorriso.
Queremos agradecer publicamente unha vez máis, e aínda non suficientes, a Leandro por dedicar parte do seu tempo a conversar connosco sobre gastronomía, pintura e algo máis. E como non, grazas por esta delicia salgada e saudábel que xa temos pendente de elaborar. Tesnos aquí para sempre que pretendas argallar un pouco pola cociña. Aínda que ideas de seguro que non che han de faltar. Unha forte aperta a Leandro e a todas as lectoras e lectores. Lémonos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario