martes, 27 de outubro de 2015

Doce terrorífico para Samaín

3,2,1... que chega o Samaín... uhhhhhhhhhhhhhh. E canto desfrutamos nós destas festas, que ademais vemos que, por sorte, nos últimos anos se están fortalecendo ao tempo que se recupera a esencia tradicional en detrimento do alleo Halloween.
Sexa como for, gustamos inmensamente do ambiente terrorífico e da decoración destes días, coas tradicionais cabazas, teas de araña, tortas sanguentas... haha! E xa vos adiantamos que alén da sobremesa de hoxe, estamos preparando algo máis para os vindeiros día. 
E xa vedes que este ano a etimoloxía resulta acertada xa que Samaín significaba "fin de verán" e parece que esta semana están a baixar as temperaturas... Será sinal de que algo aterrador se aveciña?? Si, de que vén o inverno, haha. Ou estaranse a abrir as portas entre este e outro mundo para que regresen os defuntos?? Ups...
Por se acaso, recomendámosvos ir comendo todo o que podades, cantas máis larpeiradas mellor, non vaia ser o demo... Se vemos que sobrevivimos á noite do 31, pois xa recuperaremos a dieta máis saudábel, haha. E aquí unha boa opción para nos adozar estes últimos días... Veredes que ten ingrediente sorpresa!

Doce terrorífico para Samaín



Ingredientes:
  • 300 gr de crema Kinder/crema de cacao e avelás
  • 100 gr de fariña
  • 50 gr de chocolate con bolas de cores
  • 2 ovos
  • Para decorar: azucre glas



Utensilios: batedor (manual ou eléctrico), culler, unha fonte apta para forno, papel vexetal e a impresión dunha imaxe terrorífica.


Elaboración: 

Para comezamos, temos de batir os ovos, coa fariña e a crema escollida. Neste caso, nós fixémola con crema Kinder porque é a preferida da amiga á que lle fixemos a torta. 



Ao principio custará un pouco mais non vos preocupedes, cunha pouca de paciencia conséguese.


Cando xa temos os ingredientes integrados, engadimos picado o chocolate con boliñas de cores e mesturamos de novo. 


Botamos a mestura sobre unha fonte apta para forno cuberta con papel vexetal e enfornamos a 180º, calor arriba e abaixo, durante 17-20 minutos. 


Despois, temos que deixar que arrefríe para podela desmoldar. Colocamos sobre o doce o papel impreso coa imaxe que queremos debuxar e empoamos con azucre glas. 


E xa estaría preparado para comer! Agardamos que vos resulte terrorificamente deliciosa!


Pois xa vedes que combinación de terror e sabor, aínda que sinceramente, predomina o segundo, ou esa foi a sensación final coa que nos quedamos os que desfrutamos dela. Mais claro, a verdade é que traballar coa crema Kinder garante o éxito con ese toque tan propio.
E xa vedes que ademais de todo isto, serve para saírmos dun apuro posto que se prepara nun abrir e pechar de ollos. De feito, nós elaborámolo no pouco tempo que tiñamos para lle dar unha sorpresa á honrada no aniversario.
Recordade, que se tedes calquera dúbida na elaboración da receita, sexa antes ou despois, nolas podedes comunicar a través do chat do Facebook, do enderezo electrónico (bolboretasnobandullo@gmail.com) ou na nosa conta de Twitter. Estaremos encantadísimos de vos orientar e axudar.

2 comentarios:

  1. Ainssssssss cosa maaaaaaaaaaaaas rica madre para nada me parece terrofico bueno si seguro esta terrorificamente delicioso por que me encantan todos los ingredientes con lo lambereteira que soy no te dejaba na de naaaaaaaaa me lo zampaba toito , quien dijo miedo jajaja.
    Bicos mil wapa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Hahahaha! A verdade é que o doce non durou moito... ;)
      Moitas grazas polas túas palabras!

      Eliminar